Tuesday 30 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño fai un chamamento para intensificar os trampeos contra a velutina


A campaña recomenda colocar dispositivos para capturar o maior número posible de raíñas antes do inicio da hibernación

A avespa asiática invadiu xa practicamente toda Galicia. Así o indica o último mapa publicado por Medio Rural, onde se aprecia claramente que as velutinas cobren todo o territorio, aínda que cunha maior incidencia no centro e na faixa costeira do país. En San Sadurniño apúntase a que no que vai de 2019 se levan detectados entre 25 e 100 niños. Un abano de cifras moi amplo que se supera segundo Medio Rural en concellos limítrofes como Valdoviño e Narón, onde o número de colonias descubertas pasa do cento. O dato non se precisa moito máis, xa que o plano segue utilizando a escala de 1 a +100 desde que se empezou a publicar esa información hai cinco anos. A praga -aínda non declarada oficialmente- segue avanzando e semella que hai máis velutina que nunca. Por iso se segue recomendando como método de contención a captura masiva de fundadoras a finais do inverno e a partir do outono. Entre setembro e novembro é moi recomendable reiniciar un trampeo preto de colmeares e de zonas onde se atopase algún niño. Ademais cómpre lembrar que se vemos algunha colonia debemos chamar inmediatamente ao 012 para que a eliminen.

O sistema de loita oficial contra a vespa velutina nigrithorax está recollido nun protocolo de vixilancia e control publicado pola Xunta de Galicia que se revisa ano a ano. Ademais da eliminación de niños, o protocolo fía o combate contra a invasión á captura selectiva de raíñas por unha cuestión obvia: se non hai raíña, non haberá colonia da que preocuparse despois.

O protocolo recomenda colocar trampas en dous momentos. O primeiro é antes da primavera, xusto cando saen da hibernación as raíñas do ano anterior para fundar unha nova colonia. O outro momento en que as trampas son máis efectivas é durante o outono e mesmo a comezos do inverno, tendo en conta que nos últimos anos estamos tendo temperaturas excepcionalmente altas ata practicamente decembro. Segundo o protocolo oficial, nesta época en que estamos é “cando as futuras raíñas, recentemente fecundadas polos zánganos, se sitúan fóra do niño antes da hibernación previa ao inicio do novo ciclo anual” e, polo tanto, tamén é cando mellor se pode atallar a futura proliferación.

Sobre as trampas hai ducias de tutoriais en internet que describen paso a paso tanto a fabricación como a preparación dos líquidos atraentes, nos que sempre se combina unha base alcólica con algún zume aromático e ben doce. Outra mestura que disque dá bo resultado é elaborada con froitas maduras machucadas ou a que usa unicamente unha pouca levadura disolta en auga. Ademais, tamén hai dispositivos e líquidos comerciais moi efectivos, e tamén máis caros.

Á espera de que haxa noticias dun atraente sintético infalible e irresistible -baseado en hormonas sexuais, por exemplo- cadaquén proba as súas propias receitas con maior ou menor éxito. O caso é que, sexan compradas ou feitas na casa, as trampas deben colocarse preto das colmeas, nas hortas, en lugares onde aparecese algún niño… e en todos os lados que poidamos, coidando sempre de garantir que outra fauna autóctona -como a vespa crabro ou as avespas comúns- poida fuxir destes engados sen problema.

Moito ollo coa desbrozadora
O levantamento da prohibición das queimas agrícolas hai unhas semanas levou a moita xente a facer limpezas en leiras. As rozadoras rinchan aquí e acolá comendo silvas e matogueiras. Porén, nunca hai que perder de vista que as velutinas seguen nos niños e que nos niños non só están nas árbores, senón que tamén poden aparecer ocultos na maleza ou a ras de chan. Recentemente producíronse ataques e mesmo mortes por causa das picadas das avespas, razón pola que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia -o ISSGA- insiste en que se deben tomar precaucións cando se traballe no agro ou nos montes.

Antes de empezar os traballos: recoñecer a zona -árbores, chan, muros, etc.- e comprobar que non hai niños de velutina. Moito coidado ao meter a máquina nos silveiróns, onde son máis difíciles de ver.
Se se atopa un niño de velutina: non achegarse a menos de 5 metros, non danalo nin golpealo, non cortar polo pé a árbore que o sosteña, sinalizar a zona e avisar ao 012.
Se se produce un ataque: fuxir o máis rápido posible e buscar refuxio. Non facer movementos cos brazos que poidan atraelas aínda máis, mellor usalos para protexer a cabeza, a cara e a parte posterior do pescozo. Disque as velutinas esmagadas emiten un cheiro que atrae aínda máis avespas. Se ves que alguén é vítima dun ataque, non achegarse para axudar, chamar inmediatamente ao 112 para que indiquen como actuar e para que manden medios de emerxencia.
Recoméndase ter no móbil algún aplicativo de aviso inmediato, como por exemplo o Alpify. Só con premer unha tecla activarase automaticamente o aviso de emerxencia e o envío da localización exacta onde se producise o ataque.
Importante: as persoas alérxicas ás picadas de abellas e avespas deben levar sempre canda si a medicación necesaria para administrala no caso de picadas.